Soledad Agra clausura os obradoiros dixitais anti-violencia sexual da Deputación da Coruña

venres, 2 de agosto do 2024 S. P.

Os obradoiros de capacitación dixital para a detección de violencias sexuais que desenvolveu a Área de Igualdade da Deputación da Coruña en centros de atención a persoas con diversidade funcional en diferentes concellos da provincia remataron este 1 de agosto na asociación inclusiva Ambar, na súa sede de Ribeira.
A deputada de igualdade, Soledad Agra, acudiu a esta última xornada, acompañada da concelleira de igualdade de Ribeira, Cruz Rivadulla, onde estiveron coa presidenta e a directora da asociación, e comprobaron en primeira persoa o funcionamento das sesións.
Estes obradoiros dirixidos a persoas con diversidade funcional para a identificación e prevención das violencias dixitais foron, en palabras de Agra, “unha iniciativa que parte do noso compromiso de alongar as actividades do 8M durante todo o ano, levándoas a espazos nos que non se adoitan celebrar este tipo de actividades”.
Soledad Agra destacou tamén o labor de Ambar, “que ademais de contar cunhas instalacións incribles, realiza un excelente traballo nos servizos de atención a persoas con diversidade funcional en todos os seus ámbitos, e tamén de apoio e respiro coas familias” apuntou. “O grupo de teatro das mulleres usuarias é un verdadeiro exemplo de como se pode traballar a igualdade de xénero tamén dende centros como este”.
Ademais, a área de igualdade da Deputación e a asociación Ambar abordaron posibles vías de colaboración a través de outras iniciativas, “visto o éxito destes obradoiros e tamén o bo facer da entidade” engadiu Soledad Agra.