SonRías Baixas introduciu as tecnoloxías cashless nos festivais galegos

venres, 11 de agosto do 2017 Redacción

Fotografías de Alba Sotelo para o SonRías Baixas

O festival SonRías Baixas celebrouse os días pasados en Bueu (do 3 ao 5 de agosto) e foi unha nova mostra do seu poder de convocatoria (en relación a bandas pero, sobre todo, en relación ao público) e, tamén, da súa arela de ir alén do musical e converterse nun certame referente no uso de novas tecnoloxías. Esta aposta polo dixital materialízase en primeiro lugar na páxina web, sonriasbaixas.info, e máis as súas contas nas redes sociais (Facebook, Twitter, YouTube) para logo poñerse aínda máis “vangardista” coas metodoloxías empregadas para o propio funcionamento e xestión do festival e da afluencia de público. Nun plano máis concreto, pasa por ser a primeira cita musical galega que emprega pulseiras cashless para posibilitar o acceso aos concertos e para poder facer os pagos de comida, bebida e material de promoción. Que se consegue con isto? Pois, de boas a primeiras, ceibar aos seareiros da “carga” de carrexar con eles, no festival, diñeiro en efectivo ou cartóns bancarios.
Segundo reflicten dende Ocioengalicia.com, todo isto foi unha realidade grazas á tecnoloxía de chips RFID implantada no recinto. Máis polo miúdo, os impulsores do certame dispuxeron de 85 aparellos de punto de venda, troco de entradas, recarga e control de acceso. Ademais, contouse con tres liña de fibra do operador galego R e seis liñas 4G sen límite de tráficos de datos da compañía Vodafone. Por outra banda, no plano comunicativo e da produción, o festival foi apoiado e cuberto por case 60 profesionais de diversos medios de comunicación, amais de xuntar cinco equipos de gravación audiovisual traballando de maneira simultánea durante o evento.

Así locen as pulseiras cashless empregadas no SonRías Baixas

PUBLICIDADE