Sonic 4 estrea o seu segundo episodio descargable

martes, 15 de maio do 2012 Marcus Fernández

SEGA está a comezar a distribución dixital do xogo Sonic the Hedgehog 4 Episode II, que continúa a historia de retorno do ourizo Sonic clásico que se enfronta a varios dos seus inimigos lendarios contando desta volta coa axuda do seu vello amigo Tails. Dende hoxe o xogo pode adquirirse por 12,99 euros a través da PlayStation Network e Steam, mañá chegará a Xbox LIVE Arcade por 1.200 puntos Microsoft e para dispositivos Android con procesador nVIDIA Tegra 3 por 5,49 euros, e para o xoves tamén estreará versión para iPhone e iPad polo mesmo prezo. En xuño teremos versión de Sonic the Hedgehog 4 Episode II para dispositivos con Android en xeral, para estrear tamén versión para Windows Phone no mes de xullo.
Este xogo é unha secuela bastante demorada para atender á resposta dos usuarios do xogo anterior, que resultou un tanto decepcionante, o que explicaría por qué a aposta polo formato descargable continúe a ser moderada por parte da súa editora, e segundo comentarios dos responsables do xogo poderiamos estar ante o derradeiro episodio de Sonic 4.


Trailer de lanzamento do xogo

O xogo supón un cambio profundo con respecto da súa entrega anterior

PUBLICIDADE