Sonos estrea altofalantes conectados portátiles en formato compacto

martes, 6 de abril do 2021 Marcus Fernández

O Sonos Roam é un altofalante conectado que destaca claramente por ser ultra-portátil, ou sexa, que ten as características propias de moitos dos altofalantes que se fixeron populares nos últimos anos, pero non depende dunha toma de corrente, xa que ten unha batería recargable capaz de achegar até 10 horas de autonomía (que pode recargarse por cable ou mediante indución).
O Sonos Roam está equipado con conectividade Wi-Fi e Bluetooth, é compatible con AirPlay 2 de Apple, pode controlarse coa voz (é compatible con Alexa e o asistente de Google) e conta con protección IP67 contra a auga á vez que tamén é resistente a golpes, de xeito que é un bo produto para levar por aí adiante sen temer pola súa integridade á vez que promete un son de grande calidade, comparable ao de altofalantes de maior tamaño.
Este altofalante, que é apto tanto para o fogar como para usar en mobilidade, incorpora tecnoloxía Trueplay que adapta a reprodución ao contorno e ao contido que se estea escoitando para achegar un son nítido e equilibrado.
A súa forma triangular permite que se coloque tanto en vertical como en horizontal, para que escollamos a disposición que resulte máis atinada en función da estabilidade da superficie na que vaiamos a pousalo. Tamén é posible asocialo a outro altofalante igual mediante Wi-Fi para agruparse como unha parella de altofalantes estéreo.
Estes interesantes altofalantes poderán mercarse a finais de mes a un prezo oficial de 179 euros.

JPEG - 99 KB
Gozar das bondades dun altofalante conectado de calidade en exteriores é a grande promesa do Sonos Roam, que chega nun formato moito máis compacto que os Sonos Move

Vídeo promocional dos altofalantes Sonos Roam

PUBLICIDADE