Sony amosa a súa tecnoloxía de realidade virtual para a PlayStation 4
mércores, 19 de marzo do 2014
Nos últimos anos proxectos como Oculus Rift servían para constatar que na industria dos videoxogos non son poucos os que confían en que as solucións de realidade virtual persoal poidan converterse na vindeira revolución do sector, e no marco da Games Developers Conference 2014 Sony quixo facer o propio e presentou o seu Project Morpheus, un prototipo de realidade virtual deseñado para a PlayStation 4 que permitirá somerxerse nos videoxogos dun xeito moi realista.
O actual prototipo de Project Morpheus é un dispositivo para a cabeza dotado cunha pantalla LCD Full HD de 5 polgadas (de xeito que ten 960 x 1.080 píxeles para cada ollo) cun campo de visión de 90 graos, con acelerómetro, xiroscopio, audio envolvente, USB e HDMI que pode facer un seguimento dos movementos da nosa cabeza, de xeito que na pantalla presentarase sempre unha imaxe estereoscópica correspondente ao noso punto de vista, conseguindo unha experiencia de realidade virtual bastante realista (aínda que sen responder aos movementos do corpo).
Sony leva máis de 3 anos desenvolvendo este proxecto (incluso publicaron imaxes de anteriores prototipos), e co prototipo que veñen de presentar teríamos o primeiro kit de desenvolvemento para os deseñadores de software para PS4, para que no futuro esta tecnoloxía poida chegar a un público masivo.
