Sony anuncia despedimentos en Bungie

venres, 26 de xuño do 2026 Redacción

Sony confirmou unha importante vaga de despedimentos en Bungie que afecta a un «número significativo» de traballadores, incluída a maior parte do equipo responsable da franquía Destiny, parte do persoal de Marathon e tamén empregados de Sony Interactive Entertainment (SIE) que daban soporte ás operacións do estudio.
A decisión comunicouse mediante unha mensaxe interna de Hermen Hulst, director executivo do Studio Business Group de Sony Interactive Entertainment, na que explica que a medida chega tras meses de análise da estratexia a longo prazo de Bungie, das súas prioridades de desenvolvemento, das necesidades de recursos e do papel do estudio dentro da carteira de xogos de PlayStation.
Segundo Hulst, exploráronse «múltiples alternativas» antes de concluír que era preciso reducir o cadro de persoal para aliñar os recursos do estudio coas súas prioridades actuais e cos seus obxectivos a longo prazo. O executivo recoñeceu que se trata dunha decisión «dolorosa» e asegurou que a prioridade inmediata é facilitar apoio aos empregados afectados, incluíndo asistencia na transición e a procura de posibles recolocacións dentro de SIE e da súa rede internacional de estudios.
Os recortes prodúcense inmediatamente despois da publicación da última actualización de contido en formato de servizo continuado para Destiny 2, que marca o peche dunha etapa para a franquía. Na súa comunicación, Hulst destacou o legado de Destiny ao longo da última década e agradeceu o traballo de todos os profesionais que contribuíron ao seu éxito.
Pola súa banda, Marathon continuará formando parte dos plans de PlayStation. Sony asegura que seguirá apoiando o equipo restante para desenvolver o xogo a partir da base creada nas súas dúas primeiras tempadas, ao tempo que traballará en proxectos aínda en fase de incubación.
A reestruturación tamén alcanza a dirección do estudio. O responsable de Bungie, Justin Truman, abandonará o seu cargo, o que non sorprende tras coñecerse que nin o estudio está a desenvolver unha secuela de Destiny 2, nin Marathon está a ter unha boa acollida, polo que o futuro do estudio pende dun fío por non cumprir as expectativas de Sony, compañía que pagou preto de 3.600 millóns de dólares por Bungie en 2022 (cantidade difícil de xustificar co desempeño do estudio nos últimos anos).
Cómpre lembrar que Bungie era un dos estudios de maior éxito, inicialmente coa franquía Halo (que pasaría a pertencer a Microsoft tras adquirir o estudio) e que tras emanciparse da compañía de Redmond conseguiu repetir éxito coa franquía Destiny. Pero unha vez integrados nos PlayStation Studios non conseguiron que Sony Interactive Entertainment conseguisen o éxito na explotación dos xogos como servizo que entendían que era o futuro da industria.