Sony anuncia o peche de PlayStation Mobile

mércores, 11 de marzo do 2015 Marcus Fernández

En 2012 Sony botou a andar unha interesante plataforma de distribución de videoxogos mediante descarga, PlayStation Mobile (PSM), que recollería títulos que poderían correr na consola portátil PS Vita e en dispositivos Android con certificación PlayStation (o que vai máis aló da familia Xperia) o que resultaba moi prometedor, pero que agora que resulta evidente a marxinación da PS Vita por parte de Sony e a pouca confianza no seu negocio móbil (que é a orixe das perdas rexistradas pola compañía) non sorprende que anuncien que o vindeiro 15 de xullo cesen a distribución de contidos en PlayStation Mobile, mentres que as compras en aplicación e as descargas de títulos adquiridos con anterioridade rematarán definitivamente o 10 de setembro.
Estamos ante unha medida que afecta moi negativamente a usuarios (que só poderán conservar os xogos que mercaron a través da súa última descarga, o que fai que non poidan gozar dos mesmos a longo prazo) e tamén prexudica a desenvolvedores que teñan produtos nesta plataforma, e que quedan así sen unha canle máis de distribución (que resultaba atractiva por ir a consolas e móbiles simultaneamente).