Sony celebrou nas últimas horas unha conferencia de prensa no Xapón para anunciar novidades da compañía no sector dos videoxogos, sorprendendo tanto de xeito positivo como negativo, e se comezamos polos malas novas para os asiáticos temos que concretaron a data e o prezo de lanzamento da PlayStation 4 no país nipón, o que sorprende extraordinariamente por chegar a nova consola máis tarde que a EE.UU. e Europa. Tamén aproveitaron a ocasión para presentar un redeseño da PlayStation Vita e un novo produto: a PlayStation Vita TV.
Vídeo coa conferencia de Sony íntegra
A consola de videoxogos doméstica de nova xeración de Sony, a PS4, non chegará ao seu mercado ata o 22 de febreiro, o que supón un trimestre de retraso con respecto ao lanzamento occidental, estando a consola a un prezo de 41.979 iens (320 euros), agardando que conte entón cun catálogo de lanzamento de 19 Xogos. Tamén estará dispoñible nu lote que inclúe a PlayStation Camera por 46.179 ien (352 euros). A consola incluirá un código para poder descargar de balde o xogo KNACK.
A PS Vita tamén renovarase no Xapón, cun novo modelo (PCH-2000) dispoñible en 6 cores diferentes e cun prezo máis reducido, á vez que tamén rebaixarán os prezos das tarxetas de memoria para a portátil (estreando tamén un modelo con 64 Gb de capacidade). Esta nova consola sairá inicialmente no Xapón o 10 de outubro a un prezo de 19.929 iens (152 euros) no seu modelo con Wi-Fi (para gozar de 3G manterán no mercado o anterior modelo de PS Vita). A nova PS Vita reduce o seu grosor un 20% e o seu peso un 15%, facéndoa máis portátil, á vez que mellora a calidade da súa pantalla de 5 polgadas.
A Playstation Vita (PCH-2000) adopta unhas formas redondeadas para un agarre máis cómodo, tanto no seu corpo como nas formas dos seus botóns; inclúe unha tarxeta de memoria interna de 1 Gb (para que sexa posible xogar sen ter que mercar unha tarxeta de memoria por separado); o seu novo deseño permite unha autonomía de ata 4-6 horas de xogo (mellorando nunha hora ao modelo anterior).
Vídeo promocional da nova PS Vita
A grande sorpresa de Sony de hoxe foi a presentación da PlayStation Vita TV, un novo sistema de lecer da familia PlayStation, que consiste nun dispositivo de 10,5 x 6,5 x 1,36 centímetros e 110 gramos de peso, que inclúe no seu interior o corazón dunha consola PS Vita, pero prescindindo da súa pantalla e os seus controis, pois está enfocado a conectarse ao televisor e manexarse cun mando DUALSHOCK 3, o que permitirá o acceso a numerosos contidos audiovisuais, gozar do software da PS Vita (atendendo a unha listaxe de títulos compatibles da que quedan fóra moitos dos títulos máis atractivos como Gravity Rush, Uncharted ou WipEout) e incluso aproveitar o sistema de xogo remoto da PlayStation 4 (o que facilitaría gozar da consola doméstica dende outra habitación do fogar, sen ter que movela).
A PS Vita TV chegará ao Xapón o 14 de novembro a un prezo de 9.954 iens (76 euros) no seu paquete básico, e por 14.994 iens (114 euros) nun lote que inclúe mando e tarxeta de memoria de 8 Gb. En ambos casos incluiranse 90 días de proba do servizo PlayStation Plus.
Ö concepto da nova PS Vita TV explicado en vídeo

