Sony comercializa un reprodutor somerxible que pode controlarse cun anel

venres, 26 de setembro do 2014 Marcus Fernández

Sony leva anos comercializando con bastante éxito os seus reprodutores multimedia portátiles deportivos cun deseño moi cómodo, xa que o dispositivo está integrado nos propios auriculares que se comunican cun cable que vai pola parte traseira da cabeza do usuario, pero esta liña de dispositivos non quixeron limitarse a funcionar como simples reprodutores de audio, e incorporaron varias prestacións avanzadas até chegar á nova familia NWZ-WS610.
Estes novos reprodutores non só conservan as súas principais prestacións, senón que a súa resistencia á auga chega até IPX5/8, de xeito que poden empregarse incluso para nadar e integran conectividade Bluetooth e NFC, facilitando a súa vinculación con smartphones, de xeito que tanto podemos reproducir música almacenada no móbil como operar como sistema de mans libres. Aproveitando a súa conectividade sen fíos, agora este reprodutor inclúe un mando a distancia con forma de anel que serve para controlar o volume e saltar entre cancións (cómpre destacar que é resistente a auga, pero non somerxible).
Amais, a súa batería consegue unha batería de até 7 horas de reprodución continua, contando cunha función de carga rápida (que permite que en 3 minutos poidamos conseguir enerxía suficiente para 60 minutos de reprodución), pesa só 37 gramos, está dispoñible en 3 cores distintas (verde, azul e negro) e chega en 2 capacidades distintas: 4 Gb a un prezo de 149 euros e 16 Gb a 199 euros.

O novo reprodutor está dispoñible en varias cores

PUBLICIDADE