As consolas de videoxogos portátiles parecen ser cousa do pasado, por mor do éxito de smartphones e tabletas para o lecer electrónico, aínda que a Nintendo 3DS consegue manterse no mercado grazas á forza do seu catálogo de xogos first-party, pero a PS Vita non ten a mesma sorte, e pese a ser un hardware realmente impresionante, está moi lonxe de ser ben explotado, e practicamente carece de xogos novos realmente atractivos, limitándose a recibir xogos independentes que se desenvolven para varias das consolas de videoxogos de Sony á vez, sen pensar realmente na máquina portátil.
Os usuarios que mercaron unha PS Vita claramente non estarán satisfeitos en limitarse a recibir xogos de rebote, pero a cousa non vai mellorar, e un dos máximos responsables da división de xogos de Sony así o confirma, xa que nunha entrevista asegura que non está a desenvolver internamente ningún videoxogos para PS Vita, de xeito que deixan tal responsabilidade en estudios third-party, para centrarse na PlayStation 4. Ou sexa, que a propia Sony dá a PS Vita por morta, de xeito que o seu rol limitaríase practicamente a poder funcionar como sistema de xogo remoto para a PS4 (característica bastante atractiva, pero que en si mesma non compensaría a adquisición de tal dispositivo).
Non é a primeira vez que dende Sony fan declaracións nesta dirección, e en xuño o máximo responsable de Sony Worldwide Studios, Shuhei Yoshida, xa admitira que non haberá máis grandes xogos para PS Vita.
Non só Sony estaría dar a batalla por perdida, senón que tamén Nintendo estaría a explorar novos camiños, de xeito que a súa vindeira consola, a Nintendo NX, podería ser unha fusión entre consola doméstica e portátil, para poder atopar unha solución que facilite á compañía nipoa continuar a estar presente no mercado cunha plataforma de seu, o que permítelle un maior control do produto e maiores beneficios, evitando así que as súas grandes sagas desembarquen en smartphones e tabletas, o que podería diluílas moito máis do que desexan.
Sony confirma que xa non desenvolve xogos para PS Vita
Compartir Este Artigo

