Sony desvela o deseño da PlayStation 5

xoves, 11 de xuño do 2020 Marcus Fernández

Esta noite tivo lugar o evento de presentación co que Sony prometía amosar o futuro dos videoxogos, e aínda que nun principio só se esperaba que desen conta dos xogos que acompañarían á PlayStation 5 nos seus primeiros meses de vida, finalmente presentouse o deseño final da agardada consola, así como unha serie de accesorios que a complementarán.
A PlayStation 5 presenta un deseño moi na liña do seu xa coñecido mando, mesturando elementos en cor branca e negra, con pequenos acentos luminosos en azul, e cunha interesante sorpresa: a consola venderase nunha edición con unidade de Blu-ray 4K e nunha Digital Edition sen unidade de disco.
No que respecta aos accesorios, volveron amosar o mando sen fíos DualSense, que era o único detalle físico que coñeciamos da consola, e que poderá completarse cunha base de carga para dous mandos simultáneos. Tamén venderán accesorios como unha cámara HD (da que agardamos detalles xa que conta dous obxectivos, o que podería servir para ofrecer dous angulares diferentes ou para facilitar o desenfoque ou a substitución do fondo), cuns auriculares de diadema sen fíos chamados Pulse 3D (dando a entender que xerarán son envolvente) e incluso un Media Remote (ou sexa, que por fin teremos un mando a distancia oficial para facilitar a reprodución multimedia dende a consola). Queda agora por coñecerse os detalles máis sensibles da máquina, como son a data de lanzamento e o prezo (que probablemente sexa bastante elevado).

Boa selección inicial de xogos

Durante o evento de presentación puideron verse unha chea de tráilers de videoxogos de distintos xéneros e numerosos estudios (tanto de grande tamaño como independentes), deixando claro que o catálogo da PS5 para os seus dous primeiros anos será relativamente sólido.
Unha grata sorpresa da presentación foi a confirmación de que haberá versión de Grand Theft Auto V para PS5 (que chegará na segunda metade de 2021), así como unha versión independente de Grand Theft Auto Online, título que será de balde durante 3 meses en PS5. Anunciáronse xogos como Ghostwire: Tokyo, Godfall, Project Athia, NBA 2K21, Deathloop, Pragmata e Hitman 3, aínda que o título que captou máis interese polos incondicionais da PlayStation foi Resident Evil Village, título que colle o relevo do terror de Resident Evil 7.
Se falamos dos xogos de estudios de PlayStation, os xogos presentados son auténticos vendeconsolas, como o moi oportuno Spider-Man: Miles Morales, que poderemos ver como unha revisión do Marvel’s Spider-Man de Insomniac Games que non se limitou a aproveitar o potencial técnico da PS5, senón que chama a atención deixando de lado a Peter Parker e apostando por outro home araña máis fresco e que co filme Spider-Man: Un Nuevo Universo por fin conseguiu ser coñecido polo público xeral (e non só polos seareiros da banda deseñada e das series de animación).
O outro grande xogo que será todo un reclamo para a PlayStation 5 será Horizon Forbidden West de Guerrilla Games, secuela de Horizon Zero Dawn, que mantén o espírito do anterior pero volve sorprender polo seu apartado técnico e visual, de xeito que será un imprescindible para moitos, facendo que a súa protagonista, Aloy, sexa unha das imaxes da marca PlayStation.
Outros títulos first party son Ratchet & Clank: Rift Apart, o remake de Demon’s Souls, Gran Turismo 7, Sackboy A Big Adventure, Returnal, Destruction All Stars e Astro’s Playroom, que serán auténticos pratos fortes para a nova xeración de consolas, que contribuirán decisivamente ao éxito da PS5 por seren títulos exclusivos.

A PS5 chegará en dúas versións e terá accesorios como unha base de carga, unha cámara de alta definición, uns auriculares 3D e un mando a distancia.

Vídeo do evento de presentación da PlayStation 5

PUBLICIDADE