Sony estrea un lote de PlayStation 4 con Fortnite

venres, 29 de xuño do 2018 Marcus Fernández

O xogo Fortnite é probablemente o fenómeno do ano, que está a trunfar en moitas plataformas, sendo unha das de máis éxito a PlayStation 4, o que Sony aproveitou para preparar un lote da súa consola chamado Pack Fortnite Battle Royale que inclúe, aparte da consola (en cor negra con disco duro de 500 GB) e o seu mando DUALSHOCK 4, acceso ao modo de balde Battle Royale de Fortnite, 500 paVos e o traxe de bombardeiro maxistral (exclusivo de Battle Royale).
Para os usuarios máis esixentes, o 13 de xullo sairá á venda unha versión deste lote no que a consola incluída sería a PlayStation 4 Pro, ou sexa, que permitiría gozar de gráficos 4K.
Dende Sony tamén lembran que os subscritores de PlayStation Plus teñen dispoñible sen custo adicional o Pack Celebración PS Plus número 2 de Battle Royale.
Cómpre advertir de que os lotes de PS4 con Fortnite son posiblemente os que menos saen a conta de todos os que hai no mercado, xa que os contidos dixitais incluídos estarían valorados en menos de 5 euros, cando polo mesmo prezo podemos atopar lotes que inclúe xogos completos, pero vese que Sony confía en que os consumidores se boten a cegas ante unha franquía que está a ter un éxito sen precedentes, sendo xa o free-to-play que máis factura da historia (superando a outros fenómenos como Pokémon Go e Clash of Clans).

PUBLICIDADE