Sony non acudirá á feira E3 de 2019

venres, 16 de novembro do 2018 Marcus Fernández

A organización da meirande feira de videoxogos do mundo, o E3 de Los Angeles, vén de dar o disparo de saída para a carreira de cara á edición de 2019 deste evento que vai vivir un antes e un despois, xa que Sony confirmou que non vai estar presente oficialmente por primeira vez nos últimos 24 anos, o que pode verse como unha perda de confianza nos eventos presenciais masivos (lembremos que compañías como Apple prefiren organizar presentacións independentes para conseguir unha comunicación máis eficiente) pero que moitos consideran que estamos nun mal momento para a plataforma PlayStation de cara á realización de presentacións, por estar chegando ao fin da vida da PlayStation 4.
No último ano Sony centrou boa parte dos seus esforzos no E3 en promocionar o xogo Marvel’s Spider-Man, mentres que o resto dos seus pratos fortes (Death Stranding, The Last of Us 2 e Ghost of Tsushima) captaron moita atención pero continúan a ser proxectos en desenvolvemento sen data de lanzamento definida. Pero estes xogos poderían estar nun momento moi sensible, xa que distintas informacións suxiren que Sony lanzaría a súa futura PlayStation 5 en 2020, polo que en 2019 terían serios problemas para a realización de anuncios, xa que en moitos casos non poderían concretar se os xogos verían a luz en PS4 ou PS5, incluíndo algúns dos traballos avanzados hai anos.
Que a PlayStation 4 leva uns meses con problemas á hora de captar a atención con grandes anuncios non é unha sorpresa, como constatou o feito de que a PlayStation Experience, evento iniciado en 2014, vai quedar sen a edición de 2018 xa que Sony non ten nada importante que presentar.
Que a PlayStation 4 estea nun momento de transición entre xeracións de consolas está a levar a que Sony decidise reducir a súa comunicación pública, e non supón necesariamente que as feiras tipo E3 vivan un mal momento (pese a que cada vez son máis innecesarias), pois dende a Entertainment Software Association (ESA) aseguran que en 2018 superaron todas as súas marcas rexistrando 2,9 millóns de usuarios concorrentes en Twitch, superaron os 15 millóns de chíos en Twitter, tiveron uns 55 millóns de interaccións en Facebook, superaron os 1.600 millóns de minutos de streaming e acumularon máis de 69 millóns de reproducións de tráilers en YouTube. Se ben as plataformas en liña poden funcionar sen o encontro físico, está claro que a industria continúa a ter o E3 no calendario, sendo un bo momento para realizar grandes anuncios tanto para crear expectación entre o público como para negociar a distribución dos novos lanzamentos (elemento que mentres continuemos a mercar xogos en formato físico terá bastante importancia).
A compañía que continúa a apostar con forza polo E3 é Microsoft, que considera que é unha boa plataforma para chegar a seareiros e industria; mentres que Nintendo tamén reserva anuncios para tal data (aínda que nos últimos anos mudase a súa estratexia de comunicación e apostase principalmente por vídeos de seu para realizar os seus anuncios).

PUBLICIDADE