Sony prepara un aire acondicionado persoal no Xapón

luns, 29 de xullo do 2019 Marcus Fernández

Na plataforma de micromecenado de Sony no Xapón está a trunfar a campaña para financiar o Reon Pocket, unha nova solución que poderiamos definir como aire acondicionado persoal, que poderá conseguirse por unha achega de entre 12.760 iens e 19.030 iens (106 e 158 euros) e que xa superou sobradamente o seu obxectivo de financiamento (fixado en 66 millóns de iens, ou sexa, 546.461 euros).
O Reon Pocket é un pequeno trebello (mide 320 x 116 x 54 milímetros e pesa 85 gramos) que pode colocarse nas costas dentro dunha camiseta deseñada para albergalo, e que promete reducir a temperatura do usuario até 13 graos ou incrementala até 8,3 graos centígrados, de xeito que sería un produto válido tanto para o verán como para o inverno, aínda que o máis interesante é precisamente o seu uso no verán, para que persoas que teñan que acudir ao traballo con bastante roupa (por exemplo, con traxe) poidan reducir un chisco a súa temperatura para aturar mellor a xornada laboral.
O control do Reon Pocket realízase a través dunha aplicación móbil, de xeito que o usuario poderá adaptar o nivel de refrixeración en función da calor ou frío que teña nun momento determinado. Cárgase mediante USB-C e consegue até 24 horas de autonomía en 2 horas de carga.
Este produto entregarase aos mecenas a partires do mes de marzo, e probablemente despois converterase nun produto de consumo, polo que, se realmente resulta efectivo, poderiamos velo fóra do Xapón.

Vídeo promocional da campaña de micromecenado do Reon Pocket

PUBLICIDADE