Sony prepara unha tableta con pantalla de 13,3 polgadas de papel electrónico

luns, 10 de abril do 2017 Marcus Fernández

Resulta bastante curioso que a meirande parte dos lectores de libros electrónicos quedasen estancados nun tamaño de pantalla de 6 polgadas cando agora os smartphones teñen normalmente pantallas de 5,5 polgadas, especialmente se lembramos que durante a segunda xeración dos lectores Kindle existía un Kindle DX con pantalla de 9,7 polgadas (categoría que só sobreviviu unha xeración de lectores Kindle máis); pero hai compañías que están a ver unha oportunidade na falta de eReaders de grande tamaño, de aí que este verán vaia saír á venda a tableta con pantalla de 10,3 polgadas de tinta electrónica reMarkable, coa que parece querer competir Sony coa DPT-RP1, tableta que vai aínda máis aló e presenta unha pantalla de 13,3 polgadas.
A tableta Sony DPT-RP1 é un produto que sería bastante atractivo, por facilitar o uso da tecnoloxía de papel electrónico para consumir e crear contidos, ou sexa, que sería un bo dispositivo de lectura que tamén funcionaría como caderno, pero o seu prezo de 80.000 iens (681 euros) semella un atranco importante para a súa popularización.

A tableta de Sony pode empregarse para realizar anotacións e, en definitiva, substituír ao papel en múltiples ámbitos.

Este produto que sairá á venda o 5 de xuño ten unha pantalla cunha resolución de 1.650 x 2.200 puntos con 16 niveis de gris, o que facilitará unha experiencia de lectura bastante boa, incluíndo un lapis dixitalizador que tamén facilitará a realización de anotacións sobre documentos, converténdose nunha boa ferramenta de traballo que está orientada ao uso de documentos en formato PDF, de xeito que parece dirixido a consumidores que queren abandonar o papel no seu día a día (aproximándose moito o seu tamaño ao das follas DIN A4). Contará con 16 GB de almacenamento interno, micro USB, NFC, Wi-Fi AC e Bluetooth 4.2, de xeito que os documentos poden enviárselle sen fíos. O seu grosor é de 5,9 milímetros, pesa 349 gramos e a súa batería podería aguantar unha semana coa conexión Wi-Fi activa ou até 3 semanas coas comunicacións sen fíos desactivadas.

PUBLICIDADE