Sony presenta novos auriculares sen fíos cun prezo de 150 euros

xoves, 2 de abril do 2020 Marcus Fernández

En 2018 Sony puxo á venda os auriculares de diadema WH-1000XM3, cunha excelente cancelación de ruído activa, pero cun prezo de lanzamento de 380 euros que eran unha importante barreira (que o ano pasado suavizarían os auriculares WF-1000XM3 cun prezo de 250 euros), e para saltar ese atranco temos agora novos auriculares de Sony que teñen un prezo recomendado de 150 euros, facendo moito máis accesible unha tecnoloxía demandada por certo perfil de usuario.

Os auriculares WF-XB700, de formato completamente sen fíos, integran tecnoloxía Extra Bass que ofrece un potente volume, a súa estrutura ergonómica Tri-hold crea un axuste cómodo, a resistencia IPX4 fai que poidamos empregalos chovendo ou no ximnasio, e incluso pode presumir dunha autonomía total de até 18 horas grazas ao seu estoxo de carga que con só 10 minutos de carga permite reproducir música durante 60 minutos.
Estes auriculares son compatibles con asistentes de voz e contan con botóns físicos para facilitar o axuste de volume e o control da reprodución, buscando gañarse ao público que demanda uns auriculares compactos para o seu día a día.

Vídeo promocional dos auriculares Sony WF-XB700

Pero máis rechamantes son os auriculares de diadema WH-CH710N xa que polo mesmo prezo achegan tecnoloxía de cancelación de ruído con intelixencia artificial (AINC) que analizan constantemente o son ambiental e selecciona automaticamente o modo de cancelación de ruído máis efectivo para o contorno do usuario. A vinculación destes auriculares tamén resulta moi doada, xa que incorporan NFC, de xeito que podemos establecer a comunicación dun dispositivo cun simple toque.
Ao estarmos ante un dispositivo de maior tamaño, tamén temos unha batería moi superior, capaz de ofrecer até 35 horas de audio cunha única carga, e contando con carga rápida que permite 60 minutos de reprodución con 10 minutos de carga.
Estes auriculares teñen diadema axustable, almofadas ovaladas brandas e un deseño xiratorio, de xeito que resultan cómodos e ofrecen facilidades para o seu transporte nunha maleta de viaxe ou nunha mochila. A súa función de mans libres tamén promete unha grande nitidez nas chamadas telefónicas.

PUBLICIDADE