Sony presenta o seu dron orientado á imaxe profesional

martes, 12 de xaneiro do 2021 Marcus Fernández

Hai un par de meses Sony adiantou que ía entrar no mercado dos drons, e por fin dá máis detalle do que será a marca Airpeak, que a partir da vindeira primavera quere converterse en todo un referente para os profesionais da fotografía e o vídeo profesionais cun dron que pode equiparse con cámaras Sony Alpha sen espello para conseguir capturar imaxes de alta calidade.
Este novo dron non sería tan compacto como os DJI Mavic, pero si sería o máis cativo dentro da súa categoría, apostando por un deseño que permite cargar con boas cámaras mantendo un voo preciso e estable para conseguir desatar as posibilidades creativas dos profesionais da imaxe.
Aínda que o Airpeak estea pensado para cargar con cámaras sen espello, o dron tamén está equipado coas súas propias cámaras, previsiblemente para detectar obstáculos e facilitar a operación de voo, xa que o habitual neste tipo de drons é o seu control por separado da aeronave e da cámara que carga.
Polo momento descoñécese o prezo co que Sony vai pór á venda este dispositivo chamado a competir nun mercado que actualmente está acaparado por un único fabricante (DJI).

Vídeo no que podemos ver o novo dron de Sony en acción

PUBLICIDADE