Sony presenta un dispositivo para engadir Carplay ou Android Auto ao noso vehículo

luns, 12 de agosto do 2019 Marcus Fernández

Sony confirmou estes días que ten previsto pór á venda en decembro un receptor multimedia o receptor multimedia para o automóbil XAV-AX8000, que sorprende pola súa xenerosa pantalla de 8,95 polgadas, e que venderase a un prezo recomendado de 599,99 dólares.
O receptor multimedia XAV-AX8000 é unha grande solución para poder modernizar automóbiles que carecen dun sistema de conexión co smartphone (para o que é precisa unha sinxela instalación, semellante á de colocar un novo receptor de radio ou reprodutor de CD), xa que este dispositivo é compatible con Apple Carplay e Android Auto, facilitando así que podamos estender a pantalla dun iPhone ou dun móbil con Android á pantalla do noso vehículo, para así gozar de contidos multimedia e aplicacións de navegación dun xeito cómodo e adaptado a un uso durante a condución (de feito, o sistema pode controlarse por voz, de xeito que podemos atender ou realizar chamadas, buscar nos mapas, ditar mensaxes ou manexar a nosa música falando).
Este dispositivo integra un amplificador de 4 canles que entrega un son claro e potente, conta con opcións de ecualización para poder optimizar a reprodución sonora ao noso vehículo, ten un sistema de acendido rápido e incluso é compatible con sistemas de cámara traseira (ou sexa, que a pantalla pode empregarse para visualizar as imaxes dunha cámara traseira, que activarase cando introduzamos a marcha atrás.

JPEG - 76.8 KB
O novo receptor tamén permite levar na pantalla do vehículo as aplicacións compatibles con WebLink

PUBLICIDADE