Sony presenta un smartphone co sensor de imaxe dunha cámara compacta

martes, 26 de outubro do 2021 Marcus Fernández

Coa vista posta nos creadores de contidos Sony anuncia o novo smartphone Xperia PRO-I, que combina un sensor tipo 1.0 (como o equipado na cámara compacta Sony RX100 VII), un obxectivo Tessar ZEISS de 24 milímetros, procesamento avanzado de imaxe e enfoque automático, gravación de vídeo 4K a 120p e moitas outras funcións nun dispositivo de só 8,9 milímetros de grosor, conseguindo así un equilibrio entre calidade de imaxe e versatilidade sen comparación.
Estamos basicamente ante un smartphone cunha cámara compacta integrada, que aparte do mencionado obxectivo de 24mm tamén ofrece a opción de disparar cun obxectivo de 16mm (ultra grande angular) e 50mm (ideal para retratos), mentres que o sensor 3D iToF integrado calcula a distancia cos obxectos que queren capturarse para conseguir un enfoque rápido e preciso.
Este teléfono integra moitas das tecnoloxías de cámara desenvolvidas para as mirrorless de Sony, como o enfoque automático ao ollo en tempo real para persoas e animais e seguimento en tempo real, sendo tamén capaz de disparar até 20 fotografías por segundo.
O Sony Xperia PRO-I pode disparar fotografías en RAW a 12 bits, de xeito que ofrecen moita información de cor; e para que o seu manexo resulte moi semellante ao dunha cámara compacta tamén inclúe un botón de disparo dedicado.
No apartado da gravación de vídeo, estamos ante un móbil que, aparte de gravar en 4K até 120 imaxes por segundo, integra tecnoloxía de estabilización óptica de imaxe, que xunto coa tecnoloxía de enfoque automático aos ollos e o seguimento de obxectos permite gravacións de vídeo nas que o obxectivo está sempre nítido. Tamén rexistra o son con grande calidade, para o que conta con micrófonos estéreo apoiados por un micrófono mono preto da cámara principal.
Para que sexa posible traballar do xeito máis profesional posible con este potente smartphone cun procesador Qualcomm Snapdragon 888, 12 GB de RAM e 512 GB de almacenamento interno (ampliable mediante tarxeta de memoria), o terminal está equipado cunha pantalla OLED de 6,5 polgadas con resolución 4K e soporte de HDR e refresco de 120 Hz, que presume dunha reprodución de cor profesional.
De cara aos usuarios que queiran realizar gravacións en primeira persoa Sony verá un lote de accesorios para facer vlogging, que consisten nun soporte para suxeitar comodamente o smartphone, unha pantalla LCD de 3,5 polgadas para amosar a imaxe que captura a cámara do teléfono e un micrófono externo, conseguindo así un cómodo dispositivo de gravación persoal.
Está previsto que este smartphone chegue a Europa en decembro a un prezo de 1.799 euros, mentres que o monitor para facer vlogging custará 199 euros, uns prezos que poden parecer elevados para un teléfono, pero que cómpre velos como produtos de creación profesional.

Vídeo promocional do Sony Xperia PRO-I

PUBLICIDADE