Sony presenta un smartphone con pantalla Full HD de 6,4 polgadas

martes, 25 de xuño do 2013 Marcus Fernández

Os dispositivos como o Samsung GALAXY Note puxeron de moda o concepto de tabletófonos, e aínda que o tamaño de pantalla no contorno das 5 polgadas pareza xa bastante grande, dende Sony quixeron levalo máis aló, presentando o seu novo Xperia Z Ultra, que sería o primeiro smartphone con Android cunha pantalla Full HD de 6,4 polgadas, mantendo o seu grosor en só 6,5 milímetros e sendo resistente á auga e ao po conforme ás normas IP55 e IP58. Cómpre destacar que a este xeneroso tamaño de pantalla acompáñao unha características menos desexable: un peso de 212 gramos.
Aínda que a pantalla Full HD TRILUMINOS con tecnoloxía X-Reality sexa o prato forte do novo dispositivo de Sony (acompañada por un cristal anti-reflexo), Xperia Z Ultra ten outras prestacións destacables, como o feito de poder empregarse mediante lapis ou punteiro (permitindo incluso tomar notas dende a pantalla de bloqueo e durante as chamadas), funciona cun potente procesador Qualcomm Snapdragon 800 e catro núcleos a 2,2 GHz con gráfica Adreno 330, 2 Gb de RAM, soporta LTE, é compatible con HD Voice (as chamadas de voz en HD dependen do operador móbil), cámara de 8 Mpíxeles con sensor de luz BSI coa posibilidade de empregar a tecnoloxía HDR tanto para fotografías como para vídeo e con NFC (con One-Touch).


Vídeo de presentación do Sony Zperia Z Ultra

Smart Bluetooth Handset SBH52

Ante o grande tamaño do Xperia Z Ultra e outros dispositivos (como tablets con conectividade móbil) dende Sony propoñen un novo accesorio, o SBH52, un auricular Bluetooth compatible con NFC (e One-touch) que resulta incluso válido para a realización de chamadas con HD Voice ou a reprodución musical de alta calidade, integrando tamén radio FM para mellorar a súa versatilidade. Resulta especialmente cómodo para controlar un dispositivo de certo tamaño sen sacalo do peto é a súa batería de 115 mAh achégalle unha autonomía de ata 383 horas en espera e ata 8,1 horas de conversa con auriculares (para reprodución musical a autonomía subiría ata as 10,6 horas).


O Smart Bluetooth Handset SBH52 de Sony visto en vídeo