Sony rebaixa a PS3 ata os 399 euros impedíndolle o uso de xogos para PS2

luns, 8 de outubro do 2007 Marcus Fernández

Pese a que dende Sony anunciaran que non tiñan pensado reducir o prezo das consolas PlayStation 3 en Europa, parece que os malos resultados da consola de nova xeración da empresa nipona (que non é quen de coller o relevo da PS2, que aínda a supera en vendas, tanto de consolas coma de xogos) forzou á empresa a cambiar de estratexia e o vindeiro mércores reducirá os prezos das PS3 en España, aínda que dun recorte de prestacións da consola que pode non ser tan ben recibido polos consumidores.
Así, o Starter Pack que inclúe unha PS3 cun disco duro de 60 Gb, dous mandos Sixaxis e dous xogos pasará a custar 499 euros, pero o modelo con disco duro de 40 Gb custará 399 euros en boa medida por ser unha versión reducida da consola, que non só prescinde do lector de tarxetas de memoria (o que molestará a quen queira usala coma reprodutor multimedia doméstico), pasa de 4 a 2 portos USB e deixa de soportar a retrocompatibilidade que permitía ós usuarios da PS3 o uso de xogos das consolas anteriores (PlayStation e PS2).
Sony xustifica esta última medida afirmando que o incremento de títulos para PS3 fai que a retrocompatibilidade non sexa unha característica requirida polos compradores, pero moitos se levarán toda unha sorpresa ó ver que coa PS3 non poden xogar ós títulos que xa teñen no seu fogar. Tamén podemos apuntar que este tipo de medidas se producen no mercado europeo, onde este factor xa era crítico, de xeito que as versións PAL da PS3 reproducían os xogos vellos mediante emulación software mentres que as versións NTSC (para EE.UU. e Xapón) facían o propio por hardware, o que melloraba as prestacións e a compatibilidade.

PUBLICIDADE