Sony sitúase de novo na polémica por mor dun blog onde fai marketing viral da PSP

mércores, 13 de decembro do 2006 Fernando Sarasketa

Con Sony, a nivel lercheo internauta, pasa o mesmo que con outros moitos xigantes que acabaron por caer ou por dar algún que outro tropezo: hai un aquel de morbo en ver ó noutros tempos todopoderoso da tecnoloxía e da innovación escorregando sobre superficie mollada. E é que vai unha tras outra (logo dos anuncios da PSP que recibiron acusacións de racismo ou do fracaso da XCP, a tecnoloxía anticopia para os CDs, entre outros tropezóns).
Agora, segundo informa Baquia.com, é a quenda doutra nova estratexia de publicidade, que consistiu en engraxar a máquina de marketing a través dunha bitácora supostamente allea á multinacional e que se podería chamar (en galego) Todo o que quero polo Nadal é unha PSP.
O caso é que neste caderno xiraba arredor das opinións duns rapaces (que, repetimos, supostamente non tiñan nada que ver con Sony e, en realidade, non eran tan rapaces) que penduraban comentarios e vídeos sobre o moito que lles gustaba a PSP e o bo que sería un mundo onde os pais e as nais opinaran todos o mesmo sobre a consola: que boa é para os nosos fillos.
Finalmente, descubriuse o pastel: todo era unha campaña de marketing viral encargada pola multinacional á axencia de publicidade Zipatoni. Fracaso ou acerto publicitario (por medio da polémica, que sempre provoca interese)? Que cada quen xulgue como queira este caso, mais o certo é que ós consumidores e ós internautas en xeral non lles fixo moita graza o engano. Normal.

PUBLICIDADE