Sony venderá baterías externas para alimentar smartphones e tablets

martes, 25 de setembro do 2012 Marcus Fernández

O elevado consumo dos smartphones fai que as súas baterías non poidan chegar en moitas ocasións ao final do día, e pensando nestes usuarios intensivos que non sempre teñen un enchufe de corrente a man Sony prepara unha nova liña de baterías externas moi planas e pequenas que chegarán en capacidades de 3.500 e 7.000 mAh, polo que servirían tanto para alimentar a un móbil como a un tablet (podendo empregarse o de grande capacidade para cargar completamente un smartphone de última xeración ata 3 veces).
A batería de 3.500 mAh tería unhas medidas de 128,1 x 70,4 x 9,4 milímetros e un peso de 125 gramos, ou sexa, que sería como un móbil, precisando dunhas 4 horas de carga a través dun adaptador de corrente ou de 8 horas no caso de cargala por USB; mentres que a batería de 7.000 mAh tería un tamaño só lixeiramente maior (130,6 x 70,4 x 12,9 milímetros) e un peso bastante superior (198 gramos) precisando dunhas 7,5 horas para cargarse cun adaptador de corrente e unhas 15 horas por USB.

Sony tamén venderá baterías externas con forma cilíndrica

Ambas baterías chegarán as tendas xaponesas no outono a prezos de 5.000 e 7.000 iens respectivamente (49,82 e 69,75) incluíndo o adaptador de corrente, prezos que poden parecer un pouco elevados, pero que compensarán a quen desexe desprazarse cos seus dispositivos con certa tranquilidade e sen ter que cargar cunhas pesadas baterías externas.
Sony tamén vai comercializar unha batería externa cun formato máis compacto, semellante ao dunha memoria USB, que en 125 x 26,5 x 28 milímetros e con 87 gramos de peso permitiría acumular unha carga de 2.000 mAh, o que serviría para cargar unha vez un dos smartphones actuais. O seu prezo será de 2.300 iens (22,92 euros) polo que sería unha boa opción para quen só desexa un cargador de emerxencia par ao móbil.

PUBLICIDADE