Sony vendeu 19,1 millóns de PS5 nos últimos 12 meses

venres, 28 de abril do 2023 Marcus Fernández

Sony leva uns anos con grandes problemas de subministro de consolas PlayStation 5 que basicamente forzaron a que a actual xeración de consolas de videoxogos non madurase, e que varios dos grandes títulos que pretendían fomentar o salto de xeración saísen finalmente tamén para PlayStation 4 para non deixar de lado a millóns de xogadores que non podían atopar unha PlayStation 5 nas tendas, pero finalmente a situación superouse, e agora destacan as boas vendas de PS5 durante os 2 últimos trimestres.
Os datos detallados por Sony aseguran que durante os 3 últimos trimestre de 2022 venderon 2,4, 3,3 e 7,1 millóns de PS5, mentres que no primeiro trimestre de 2023 venderon 6,3 millóns de unidades, o que supón un total de 19,1 millóns de unidades vendidas nun único trimestre fiscal, mentres que no mesmo período do ano anterior as vendas limitáronse a 11,5 millóns de consolas.
Entre hardware, software e servizos a división de xogos de Sony tería facturado un total de 3.644.598 millóns de iens, mentres que o ano anterior os datos quedaban en 2.739.763 millóns, polo que a compañía nipoa pode ser moi optimista de cara a súa nova xeración de consolas.
Outro detalle salientable é que no primeiro trimestre de 2023 a relación de xogos de PlayStation 4 e PlayStation 5 en formato descargable é do 70%, polo que o formato físico aínda tería bastante mercado, pero estaría claramente destinado a desaparecer, especialmente se temos en conta casos como o de Star Wars Jedi: Survivor, que precisa de descargas adicionais na súa versión en disco, xa que o xogo ocupa preto de 150 GB, polo que precisaría de varios discos para o seu almacenamento (polo que os fabricantes prefiren optar por non incluír o xogo completo no soporte adquirido nas tendas). Tamén apuntan a que dos 108 millóns de usuarios activos en PlayStation Network no último trimestre, 47,4 millóns están subscritos a PlayStation Plus.

PUBLICIDADE