Sora 2 engadirá granularidade ao control do copyright

luns, 6 de outubro do 2025 Redacción

O novo modelo de xeración de vídeo e audio de OpenAI, Sora 2, está a converterse en todo un fenómeno nos EE.UU., e mentres agardamos ao espallamento internacional desta funcionalidade e da súa aplicación móbil (que busca converterse nunha plataforma social), Sam Altman publica unha actualización na que explica que OpenAI está a introducir cambios importantes tras analizar o uso real da ferramenta e a resposta recibida dos usuarios, titulares de dereitos e outros grupos interesados.
O primeiro cambio anunciado permitirá ofrecer un control máis detallado aos titulares de dereitos sobre como se poden xerar personaxes, nun modelo semellante ao actual sistema de participación voluntaria (opt-in) para reproducir semellanzas, pero con opcións adicionais. Altman sinala que moitos dereitos están a acoller con entusiasmo este novo formato de fan fiction interactiva, aínda que queren poder decidir en que condicións se poden empregar os seus personaxes, ou mesmo prohibir o seu uso. «Queremos aplicar o mesmo estándar para todos e deixar que os titulares de dereitos decidan como proceder», explica, engadindo que o sistema aínda precisará un período de axuste para evitar xeracións indebidas. O executivo tamén destacou «a extraordinaria creatividade do Xapón» e a forte conexión entre os usuarios e os contidos xaponeses.
O segundo cambio está relacionado coa monetización. Altman recoñece que os usuarios están a xerar moitos máis vídeos do esperado e que boa parte deles van dirixidos a audiencias moi pequenas, polo que Sora deberá empezar a xerar ingresos. OpenAI planea probar un modelo de reparto de beneficios cos titulares de dereitos que permitan o uso dos seus personaxes nas creacións dos usuarios. A compañía espera que este novo tipo de interacción sexa, en si mesma, un valor engadido, pero tamén que o reparto de ingresos resulte atractivo.
Altman concluíu asegurando que Sora experimentará «un ritmo de cambio moi alto, como nos primeiros tempos de ChatGPT», e que o equipo asumirá riscos, cometerá erros e os corrixirá con rapidez, aplicando o aprendido en Sora ao resto dos produtos de OpenAI.