South Park leva o seu caos a Fortnite

xoves, 8 de xaneiro do 2026 Redacción

A serie animada South Park e o videoxogo Fortnite únense nun novo evento de colaboración dispoñible do 9 de xaneiro ao 5 de febreiro baixo o título South Park: Legado de Caos, que introduce contidos temáticos, novos modos de xogo e obxectos exclusivos inspirados no universo creado por Trey Parker e Matt Stone.
Un dos principais atractivos do evento é a chegada dun novo punto de interese ao mapa, Cartmanlandia, un parque temático baseado no personaxe de Eric Cartman. Ademais, a colaboración incorpora por primeira vez en Fortnite o modo Quintetos, que permite formar equipos de cinco xogadores, unha novidade que amplía as posibilidades estratéxicas das partidas.
Os xogadores tamén poderán adquirir na tenda traxes mecánicos inspirados en Stan, Kyle, Cartman, Kenny e Butters. A presenza de Kenny inclúe incluso referencias ao seu clásico destino recorrente na serie, cun sistema de reaparición automática ligado a un obxecto específico do evento.
No plano do botín e das habilidades especiais, Legado de Caos introduce elementos como a Vara da Verdade, capaz de interactuar coa tormenta, os peidiños de queixo, que permiten curar ou causar dano, e outros obxectos deseñados para reforzar o ton irreverente da colaboración.
Xunto a estes contidos, Fortnite pon a disposición dos usuarios un pase gratuíto, tamén chamado Legado de Caos, que non require paVos. Este pase inclúe 13 recompensas desbloqueables mediante misións especiais de South Park, entre elas accesorios mochileiros, picos, xestos e, como premio final, unha á delta inspirada en Imaginolandia.
Con esta colaboración, Fortnite inaugura 2026 apostando por unha das series animadas máis icónicas da cultura popular, reforzando a súa estratexia de eventos temporais baseados en franquías recoñecidas e ampliando ao mesmo tempo as opcións de xogo cooperativo.

Vídeo promocional do evento de Fortnite