Spacetop G1: un portátil con lentes a xeito de pantalla

xoves, 30 de maio do 2024 Marcus Fernández

O uso de lentes de realidade aumentada a xeito de pantallas externas foi un concepto bastante popular na pasada edición do CES de Las Vegas, pero hai compañías que apostan por iso dun xeito bastante decidido, e así podemos ver como nos EE.UU. veñen de abrir as reservas do Spacetop G1, un ordenador portátil que chegará aos seus compradores en outubro e que sorprende por substituír a súa pantalla por unha cuberta cun espazo para gardar unhas lentes con pantallas Full HD e altofalantes nas patillas, o que permite facer un uso máis persoal do equipo informático.
Este equipo funciona cun procesador Qualcomm Snapdragon QCS8550 con gráfica Adreno 740 e unha eNPU dual V3, 16 GB de memoria LPDDR5, 128 GB de almacenamento UFS 3.1, batería cunha autonomía de até 8 horas de uso, conectividade Bluetooth 5.3, Wi-Fi 7 e 5G, teclado de 79 teclas e trackpad multi-táctil.
Sorprende que non falemos dun equipo con Windows ou Android, senón que funciona con SpaceOS, un sistema operativo baseado na web que aseguran que está optimizado para a computación espacial.
Estamos ante un concepto de ordenador que pode resultar atractivo para o seu uso en lugares onde non hai moito espazo para ter un escritorio informático tradicional, como durante unha viaxe en tren ou avión, aínda que haberá que tamén prefira gozar do concepto de escritorios virtuais mediante realidade aumentada como un xeito de ser máis produtivo en mobilidade.
Unha interesante proposta que como principal atranco ten un prezo de lanzamento de 1.700 dólares, que parece desorbitado se temos en conta que como equipo informático é bastante limitado, e que parte das súas funcións as poderían facer as novas lentes de Rokid simplemente empregando un teclado e un rato externos.
Amais, esta solución está baseada en lentes de Xreal, que no seu modelo máis básico custan 299 dólares, e poden empregarse en calquera equipo (ordenador ou móbil) con saída de vídeo a través de USB-C, polo que é posible introducirse neste tipo de experiencia sen realizar un elevado investimento inicial.
En calquera caso, o que resulta evidente é que o lanzamento das Apple Vision Pro está a axitar o mercado, facendo que haxa un interese polas pantallas virtuais e a realidade aumentada, o que provocará que cheguen ao mercado propostas do máis diverso, tentando anticiparse á demanda dos consumidores.

Vídeo promocional do Spacetop G1