SpeakSee convertirá conversas en grupo a texto incluso en galego

luns, 18 de xuño do 2018 Marcus Fernández

Como ferramenta para a integración social das persoas con eivas auditivas son moi prácticas as tecnoloxías de recoñecemento de voz, pero normalmente só resultan prácticas para comunicacións de un a un, de aí que xurdise SpeakSee, un sistema portátil de micrófonos que poden transcribir conversas a texto con precisión, soportando a varios usuarios á vez, para facilitar que as persoas xordas poidan participar en conversas grupais, como ceas familiares, encontros cos amigos ou xuntanzas de traballo.
Esta solución está baseada nunha aplicación móbil que comunícase cos micrófonos sen fíos que poden pendurarse facilmente na roupa mediante imán, e presenta as conversas que están a ter lugar dun xeito semellante a como sería unha aplicación de mensaxería instantánea, co detalle de que neste peculiar chat cada un dos recadros de texto estará na cor do micrófono que recolle a voz, ou sexa, que será doado distinguir o que di cadaquén por separado, facilitando o seguimento do fío das conversas. Sería algo semellante a gozar de subtítulos do mundo real (e incluso podería aplicarse a chamadas telefónicas).
Para facer posible esta tecnoloxía están a recadar financiamento a través de Indiegogo, onde teñen marcado como obxectivo o mes de febreiro de 2019 para ter este produto listo, que pode reservarse por un prezo de 249 dólares para 1 base e 1 micrófono ou por 379 dólares para unha base con 3 micrófonos (a opción claramente máis recomendable). Pero a compra do hardware non sería o único investimento a realizar, xa que a tecnoloxía de SpeakSee é un servizo de subscrición, que ofrece até 5 horas de balde ao mes, pero que para un uso frecuente precisaría do pagamento de 9,99 dólares/mes.
Os micrófonos de SpeakSee serían dispositivos con batería recargable que funcionarían a unha distancia de até 20 metros da súa base, contando tamén cunha entrada adicional de audio (para poder o micrófono a un teléfono ou a un televisor). A tradución da voz a texto podería verse nunha aplicación móbil e unha das grandes vantaxes deste sistema é que traballan con compañías que aseguran poder recoñecer máis de 120 linguas e variantes, de xeito que, por exemplo, recoñece até 20 variantes do español e, sorprendentemente, tamén aseguran que o sistema funcionará para transcribir de voz a texto o galego.

Os micrófonos en combinación cunha aplicación móbil serán unha ferramenta para rachar moitas barreiras comunicativas

Demostración do funcionamento da tecnoloxía de SpeakSee en español

PUBLICIDADE