Spectrum e Commodore inspiran dúas novas consolas portátiles retro

xoves, 30 de abril do 2026 Redacción

HyperMegaTech e Retro Games Ltd presentaron dous novos dispositivos portátiles inspirados en dous dos ordenadores domésticos máis emblemáticos dos anos oitenta: o Commodore 64 e o ZX Spectrum. Os modelos, bautizados como THEC64 Handheld e The Spectrum Handheld, chegan ao mercado cunha proposta centrada na nostalxia retro combinada con funcionalidades actuais para xogar en mobilidade.
Ambos dispositivos adoptan un formato tipo cuncha, cun deseño que evoca tanto os ordenadores orixinais como a consolas portátiles (como a Nintendo DS). O acabado reproduce as cores clásicas de cada sistema, cunha estética beixe no caso do modelo inspirado no Commodore 64 e negro no correspondente ao ZX Spectrum. A pantalla é unha IPS de 4,3 polgadas con resolución de 800 x 480, pensada para ofrecer unha visualización nítida dos xogos clásicos.
Os dous sistemas incorporan 25 xogos preinstalados que representan distintas etapas e estilos das súas respectivas plataformas. Entre os títulos incluídos figuran clásicos como Manic Miner, Skool Daze, The Great Escape ou Head Over Heels no caso do Spectrum, e xogos como Speedball 2: Brutal Deluxe, Paradroid, Krakout ou Nebulus no caso do sistema inspirado no C64. A proposta inclúe tamén producións máis recentes e adaptacións modernas de títulos históricos.
A nivel técnico, os dispositivos funcionan cun procesador de catro núcleos a 1,2 GHz, acompañados de 256 MB de memoria RAM DDR. Contan con batería recargable de 2.000 mAh con autonomía aproximada superior ás tres horas e carga mediante USB-C. Inclúen saída de audio jack de 3,5 mm e altofalantes estéreo integrados.
Os trebellos permiten ampliar a experiencia mediante unha rañura para tarxetas MicroSD, o que facilita a carga de xogos adicionais e contidos homebrew. Tamén incorporan un porto USB-A na parte traseira para conectar teclados ou mandos externos, o que reforza a idea de manter unha experiencia próxima á dos ordenadores orixinais.
O sistema de control combina unha cruceta dixital con botóns frontais e teclas de función personalizables, adaptadas a cada plataforma. O software interno permite ademais seleccionar diferentes modos de execución compatibles con distintas versións históricas dos sistemas orixinais.
O lanzamento está previsto para outubro de 2026 cun prezo de 129,99 euros para cada modelo. Cómpre salientar que entre as dúas tendas en liña que ofrecen estes novos trebellos en España está a galega Todoconsolas, que permite reservar The Spectrum Handheld e ou THEC64 Handheld por 122,95 euros con envío de balde.

Vídeo promocional das novas consolas retro