Spigen comercializa accesorios inspirados nos Macintosh clásicos

luns, 16 de marzo do 2026 Marcus Fernández

O vindeiro 1 de abril Apple celebra os seus 50 anos, momento que están a aproveitar compañías como Spigen para lanzar produtos que tiran de nostalxia para captar a atención do público, como a colección Classic LS, inspirada no deseño do ordenador Macintosh 128K.
Spigen ten sona como fabricante de fundas para móbiles, e nesta liña de produto achega fundas da colección Classic LS para o iPhone 17 Pro e Pro Max, que aínda que teñan un prezo oficial de 59,99 dólares, en Amazon xa están dispoñibles a 39,99 euros, polo que probablemente convenza a moitos seareiros da compañía da mazá, que poden completar a funda cunha correa a xogo (dispoñible en España a 24,99 euros).
Tamén comercializan un portatarxetas con Magsafe cun deseño inspirado no Macintosh 128K (actualmente de oferta a 22,94 euros), que pode ser o xeito máis discreto de abrazar esta colección retro de Spigen.
Pero estes produtos poderían considerarse tradicionais, moi na liña do que Spigen comercializa habitualmente, mentres que o accesorio que pecha a colección resulta moito máis rechamante, pois trátase dunha funda para os AirPods Pro 3 que replica a forma do clásico rato dun Apple Macintosh (que en España véndese por 28,99 euros e inclúe a correa que lembra ao cable do rato).
Como curiosidade, esta funda para os auriculares ábrese premendo o botón do rato, conseguindo que a súa funcionalidade case á perfección co seu deseño.