Spike TV recoñece a The Walking Dead como o xogo do ano

luns, 10 de decembro do 2012 Marcus Fernández

Samuel L. Jackson foi o mestre de cerimonias da gala

Na madrugada entre o sábado e o domingo os seareiros aos videoxogos de boa parte do mundo puideron seguir por televisión e en directo a través de streaming a entrega dos Video Game Awards da canle televisiva Spike, un espectáculo conducido polo actor Samuel L. Jackson, que contou coa presenza de numerosas celebridades e que serviu tanto para presentar novos vídeos de futuros lanzamentos do sector do lecer electrónico como para recoñecer a algúns dos xogos máis importantes do presente ano, resultando como grande gañador The Walking Dead, que fíxose cos galardóns ao mellor xogo do ano, a mellor actriz feminina, a mellor adaptación e o mellor xogo descagable, sendo recoñecido tamén o seu estudio, Telltale Games, como o mellor do ano, un trunfo claramente asociado á boa aceptación que ten a serie de televisión baseada na mesma obra (o cómic de Robert Kirkman) e a profundidade desta aventura interactiva.

Os actores da serie de televisión de The Walking Dead estiveron presentes na gala dos VGA 2012

Como estamos ante a 10º edición destes premios, tamén se recoñeceu a Half-Life 2 como o mellor xogo da década, e separando por plataformas teriamos que Journey, Halo 4, New Super Mario Bros. U e X-Com: Enemy Unknown serían os mellores xogos do ano para PS3, Xbox 360, Wii/Wii U e PC respectivamente. Precisamente entre os mencionados destacou Journey, título exclusivo de PS3 que tamén foi recoñecido como o mellor xogo independente do ano e o que conta coa mellor banda sonora e a mellor canción.
Entre a listaxe de gañadores dos VGA 2012 figuran tamén Borderlands 2 como mellor shooter, Mass Effect 3 como mellor xogo de rol, Dishonored como mellor xogo de acción-aventura, Need for Speed: Most Wanted como mellor xogo de velocidade, NBA 2K13 como mellor xogo de deporte de equipo, SSX como mellor xogo de deporte individual e Persona 4 Arena como mellor xogo de loita.


Vídeo cos momentos máis destacables da gala

PUBLICIDADE