Spotify anuncia a súa nova aplicación para Wear OS

mércores, 17 de outubro do 2018 Marcus Fernández

Unha das grandes vantaxes dos smartwatches é o control da reprodución musical, e agora que Google actualizou Android Wear a Wear OS deixou coxos os seus reloxos conectados, xa que carecían dunha aplicación oficial de Spotify actualizada, pero esta eiva corrixirase en breve, xa que veñen de anunciar que os reloxos de Fossil e Michael Kors con Wear OS incluirán a nova aplicación de Spotify para Wear OS a partires de novembro.
Esta nova aplicación para reloxos facilitará o acceso á música favorita e a podcast que estean dispoñibles en Spotify, o que engade valor tanto aos smartwatches como ao servizo de música en streaming. Deste xeito non será preciso sacar o smartphone para acceder á listaxe de reprodución semanal, así como para poder saltar unha canción que resulta pouco axeitada para o noso ritmo de adestramento, así como tamén será posible rebobinar 15 segundos a reprodución de podcasts para recuperar un detalle que non captamos ben.
Os usuarios de Wear OS poderán acceder a esta nova aplicación en poucas semanas, de xeito que os seus dispositivos non quedarán atrás en experiencia de reprodución musical.

PUBLICIDADE