Spotify celebra que a súa aplicación para iPhone por fin pode amosar os prezos dos seus plans

mércores, 14 de agosto do 2024 Marcus Fernández

Spotify leva anos loitando contra os abusos de Apple pola súa posición dominante no mercado das aplicacións móbiles para iOS, que aproveita para obstaculizar a competencia no mercado dos servizos musicais, o que xa lle valeu á compañía da mazá unha sanción de 1.840 millóns de euros.
Pero Apple continúa a resistirse a cumprir coas indicacións da Comisión Europea, e non é até agora que por fin permite a Spotify que a súa aplicación para iPhone no territorio europeo poida amosar a información dos prezos do servizo que pode contratarse a través da páxina web de Spotify evitando así as inxustas comisións de Apple.
Dende Spotify insisten no feito de que os consumidores europeos aínda están lonxe de gozar dunha completa liberdade de elección, xa que Apple segue sen permitir que os usuarios de Spotify poidan subscribirse no servizo directamente dende a aplicación sen pagar as taxas impostas pola compañía de Cupertino.
Lembremos que o abuso de Apple neste caso é moi evidente, xa que a compañía impoñía taxas a Spotify polas subscricións mensuais dos seus usuarios, que por outra banda a compañía da mazá non tiña que soportar cando ofrecía o seu servizo análogo (Apple Music), conseguindo así unha vantaxe competitiva inxusta.