Spotify permite personalizar as transicións nas listaxes de reprodución

martes, 19 de agosto do 2025 Redacción

Spotify estrea unha nova función que permite aos usuarios Premium engadir e personalizar transicións entre as cancións das súas listaxes de reprodución. Con esta novidade en fase beta os subscritores poden mesturar temas de maneira fluída, controlar como encaixan entre si e mellorar a escoita con opcións de volume, ecualización e efectos.
Para probalo, abonda con abrir unha lista xa creada ou elaborar unha nova, premer en Mix e deixar que a aplicación faga unha mestura automática ou ben personalizar cada transición. Entre as opcións dispoñibles están os estilos predefinidos como Fade ou Rise, así como a posibilidade de axustar manualmente parámetros de volume, EQ e efectos empregando os datos de onda e compás de cada canción. As mesturas poden gardarse, compartirse ou mesmo elaborarse en colaboración con outros usuarios Premium.
Spotify tamén ofrece consellos para principiantes, como escoller temas con tempos e tonalidades semellantes para transicións máis naturais, comezar con xéneros pensados para a mestura (como house ou techno), planificar a orde das cancións en función da enerxía ou crear listaxes para ocasións concretas como carreiras, viaxes por estrada ou festas. Ademais, as listaxes de reprodución mesturadas poden personalizarse con portadas exclusivas con adhesivos e etiquetas.
A función está a chegar progresivamente aos subscritores Premium, polo que se recomenda manter a aplicación de Spotify actualizada.