Spotify por fin funciona en Xbox One

mércores, 9 de agosto do 2017 Marcus Fernández

Dende hai un par de anos os usuarios de PlayStation 3 e PlayStation 4 podían gozar da música mediante streaming de Spotify na súa consola, deixando fóra ás consolas de Microsoft, pero finalmente rachouse a exclusiva de Spotify con Sony, e agora os usuarios de Xbox One poden instalar na súa consola a aplicación de Spotify, o que permite que gocen da súa música favorita mentres xogan.
A reprodución musical na Xbox One pódese controlar dende o mando da consola (grazas a Spotify Connect), aínda que para non ter que saír do xogo tamén será posible mudar a música dende a aplicación móbil de Spotify e, como acontece nesta mesma, os usuarios Premium poderán gozar da música con maior calidade e sen anuncios.
Cómpre lembrar que Spotify leva un tempo elaborando listaxes de reprodución musical para gamers, de xeito que será doado atopar a música ideal para as longas sesións de xogo ante a consola doméstica.

PUBLICIDADE