Spotify sube de prezo en España

luns, 24 de xullo do 2023 Marcus Fernández

A plataforma de música en streaming Spotify leva bastantes anos mantendo o prezo da súa subscrición de pagamento persoal en 9,99 euros/mes, esforzándose en non superar a barreira psicolóxica dos 10 euros, e agora que contan con máis de 200 millóns de usuarios de pagamento e continúan a ter problemas para facer sustentable o seu negocio, deciden anunciar unha suba de prezo nos seus plans.
Até o momento os plans Individual, Duo, Familiar e Estudantes teñen un prezo de 9,99, 12,99, 15,99 e 4,99 euros/mes, e coa suba de prezos quedan en 10,99, 14,99, 17,99 e 5,99 euros/mes, o que é un incremento de prezo moi moderado, e claramente inferior ao doutros servizos (lembremos como Netflix disparou o prezo do seu plan estándar dos 9,99 euros/mes iniciais aos 12,99 euros/mes actuais).
Coa suba de prezo Netflix ponse á altura de Apple Music (aínda que TIDAL, Amazon Music Unlimited e YouTube Music Premium aínda manteñen as súas mensualidades nos 9,99 euros), aínda que cómpre destacar que a competencia de Spotify na súa meirande parte ofrecen maior calidade sonora, polo que parece bastante urxente que Spotify integre melloras para xustificar a súa suba de prezo.

PUBLICIDADE