Spotify supera a barreira dos 100 millóns de subscritores de pagamento

luns, 29 de abril do 2019 Marcus Fernández

Spotify presentou hoxe os seus resultados financeiros para o primeiro trimestre do ano, conseguindo un incremento interanual notable do 32% en número de subscritores e do 26% de usuarios activos mensuais, de xeito que por fin poden celebrar ter máis de 100 millóns de subscritores e 217 millóns de usuarios activos. Temos así que Spotify contaría globalmente co dobre de subscritores de pagamento que Apple Music, servizo que nos EE.UU. consegue adiantar a Spotify nun par de millóns de subscritores (quedando 28 a 26).
Spotify confía en manter o seu ritmo de crecemento, en boa medida grazas ás súas últimas apostas polo podcasting coas adquisicións de Gimlet, Anchor e Parcast, e, de feito, actualmente considérase que Spotify é o axente que máis está a contribuír globalmente á popularización dos podcasts, con máis de 250.000 podcasts no seu catálogo e conseguindo que en países de fala hispana Spotify superase a Apple en cota de mercado.
Cómpre salientar que Spotify, ao estar dispoñible en Android, consegue converterse nunha solución para escoitar podcasts máis global que a de Apple, e o funcionamento da plataforma de podcasting de Spotify tamén anima a que os creadores estreen antes os seus podcasts a Spotify que a Apple Podcasts.
No que se refire aos resultados económicos, a Spotify seguen sen cadrarlle ben as contas, e no último trimestre tivo unhas perdas de 142 millóns de euros, aínda que no mesmo período do ano pasado eran de 169 millóns de euros, polo que semella que cada vez fan mellor as cousas, e poderían entrar a longo prazo na senda da rendibilidade.

PUBLICIDADE