Sprint comercializará un novo móbil verde de Samsung

venres, 7 de agosto do 2009 Marcus Fernández

Coa vista posta no planeta Terra, o fabricante surcoreano Samsung e a operadora norteamericana Sprint comezan a comercializar o terminal de telefonía móbil Reclaim, que podería servir coma exemplo para outras compañía, pois estamos ante un terminal moi ecolóxico por estar feito de material reciclado nun 80% (bioplástico feito de millo), está libre de PVC e o seu embalaxe tamén está feito de material reciclado nun 70% e utilizando para a súa impresión tinta baseada en soia.
Este novo móbil conta cun teclado QWERTY deslizante, cámara de 2 Mpíxeles, Bluetooth estéreo e lector de tarxetas de memoria microSD de ata 32 Gb. O terminal comercializarase a partir do día 16 por 49,99 dólares (cun compromiso de permanencia de 2 anos).
Aínda que o móbil non é algo que resulte rechamante polas súas prestacións nin polo seu prezo, o feito de que sexa unha aposta ecolóxica podería animar ás operadoras na defensa do medio ambiente, sempre que os consumidores apoien este tipo de produtos.

O envoltorio do Reclaim tamén é ecolóxico

PUBLICIDADE