Squarespace merca Google Domains

venres, 16 de xuño do 2023 Marcus Fernández

A finais de 2006 Google sorprendía entrando no negocio dos dominios da Internet, e aínda que actualmente Google Domains está a operar con normalidade, se atendemos á súa sección de axuda indícase que onte pecharon un acordo de adquisición do servizo por parte de Squarespace, o que non debería afectar polo momento aos usuarios, xa que a operación aínda precisa da aprobación dos organismos reguladores e o establecemento dun proceso de transición.
Dende Squarespace si publicaron un comunicado oficial no que detallan o que está a acontecer, que basicamente consiste en que a compañía faise cunha carteira de clientes que teñen contratados uns 10 millóns de nomes de dominio, asegurando que durante os vindeiros 12 meses conservarán os prezos de renovación que tiñan establecido en Google Domains. Squarespace tamén será o rexistrador de dominios preferente para os subscritores de Workspace.
A intención de Squarespace con esta operación é poder atraer aos usuarios aos seus servizos de hospedaxe web, ofrecéndolles incentivos para apostar pola súa solución de publicación na web, que facilitan a creación de páxinas sinxelas, blogs e incluso tendas en liña, de xeito que é posible ter unha presenza en liña sen grandes coñecementos técnicos.

PUBLICIDADE