Stadia chegará a España en novembro

xoves, 6 de xuño do 2019 Marcus Fernández

Cando en marzo Google presentou a plataforma de xogos en streaming chamada Stadia deixou grandes incógnitas no aire, como o modelo de negocio e os prezos que tería o servizo, e finalmente chegou o momento de confirmar como será esta prometedora plataforma de xogos na nube que botará a andar en novembro en 14 países entre os que afortunadamente figura España (chegando a máis territorios en 2020).
Stadia chegará en dúas versións ao público: os usuarios de balde contará cun servizo básico que permitirá o xogo en liña aos xogos que merque o usuario até unha resolución de 1.080p a 60 imaxes por segundo con son estéreo, mentres que os usuarios que paguen 9,99 euros/mes gozarán de Stadia Pro, o que facilita gráficos até 4K a 60 imaxes por segundo con son envolvente 5.1, acceso a xogos de balde (comezando por Destiny 2: The Collection) e acceso a descontos.
Para iniciarse neste servizo permiten xa reservar por 129 euros a Founder’s Edition de Stadia, que consiste nun Chromecast Ultra (valorado en 79 euros), un mando Stadia en cor azul noite (valorado en 69 euros), 3 meses de subscrición a Stadia Pro, un buddy pass para convidar a un amigo a Stadia Pro durante 3 meses e a exclusividade de poder elixir o Stadia Name.
Un dos incentivos de converterse en fundador de Stadia é poder probar o servizo antes que o resto de usuarios, xa que o servizo de balde non estará dispoñible até 2020, e polo momento os xogos que están confirmados que terá o servizo dende o inicio son Assassin’s Creed Odyssey, Baldur’s Gate 3, Borderlands 3, Darksiders Genesis, Destiny 2, DOOM, DOOM Eternal, Dragon Ball Xenoverse 2, Farming Simulator 19, Final Fantasy XV, Football Manager, Get Packed, GRID, GYLT, Just Dance, Metro Exodus, Mortal Kombat 11, NBA 2K, Rage 2, Rise of the Tomb Raider, Samurai Shodown, Shadow of the Tomb Raider, The Crew 2, The Elder Scrolls Online, Thumper, Tomb Raider Definitive Edition, Tom Clancy’s Ghost Recon Breakpoint, Tom Clancy’s The Division 2, Trials Rising e Wolfenstein: Youngblood, confiándose en que durante o verán poidan confirmar moitos máis xogos dispoñibles.
Para poder gozar de Stadia recoméndase unha conexión á Rede cunha velocidade mínima de 10 Mbps (co que os contidos correrían a 720p), mentres que para poder gozar de vídeo 4K a conexión debería partir dunha velocidade de 35 Mbps. Pero cómpre destacar que non falamos da velocidade contratada co noso provedor de acceso, senón a velocidade que pode manterse cos servidores de Stadia, o que podemos comprobar cun medidor de velocidade para non levar desagradables sorpresas tras a contratación do servizo.

Vídeo promocional de Stadia

PUBLICIDADE