Aproveitando a Star Wars Celebration en Anaheim (California) DICE estreou un trailer do agardado xogo Star Wars Battlefront¸ que chegará a PS4, Xbox One e PC a partires do 19 de novembro, e que promete impresionar graficamente grazas ao uso do motor Frostbite, achegando unha experiencia interactiva moi inmersiva, traendo á vida numerosos contornos que resultarán familiares aos seareiros da franquía galáctica.
Star Wars Battlefront permitira revivir momentos heroicos e intensas batallas, nos que disparar blasters, subirse a motos voadoras e pilotar naves de distintos tipos que chegarían ata o Falcón Milenario.
Poderemos visitar planetas como Endor, Hoth, Tatooine e Sullust, así como encarnar a personaxes da triloxía orixinal como Darth Vader ou Boba Fett. Ao estarmos ante un título de nova xeración, tamén será posible participar en partidas competitivas de ata 40 persoas, aínda que non faltarán misións que poidamos enfrontar en solitario ou cun amigo a pantalla partida (offline ou en liña).
Os usuarios que reserven o xogo poderán acceder cunha semana de antelación a un contido descargable que consiste nunha batalla ambientada no filme Star Wars: El Despertar de la Fuerza (que chegará aos cines antes do Nadal).
Trailer de presentación de Star Wars Battlefront
