Star Wars: Hunters dirá adeus o 1 de outubro

luns, 17 de marzo do 2025 Marcus Fernández

Cada vez é máis frecuente ver como xogos lanzados con grandes expectativas fracasan estrepitosamente, tendo que anunciar o peche dos seus servidores para, simplemente, minimizar os custes que xeran ás súas compañías, e tal parece ser o caso de Star Wars: Hunters, un xogo de areas competitivas de 4 contra 4 lanzado en xuño por Zynga para Nintendo Switch e dispositivos móbiles, que prometía triunfar ao estar ambientado no universo da Guerra das Galaxias.
Agora anuncian que a última actualización de contido que recibirá o xogo está prevista para o 15 de abril, manténdose o xogo operativo até o 1 de outubro de 2025, que será cando se apaguen definitivamente os seus servidores.
Este anuncio pode pillar por sorpresa xa que a versión para PC aínda estaba a desenvolverse, tendo celebrado unhas probas en decembro e prevendo que en breve entraría en acceso anticipado en Steam, para así poder pulir o xogo en colaboración coa comunidade de xogadores.
A intención era que o xogo puidese funcionar como un título free-to-play multiplataforma, pero para que tal modelo de negocio sexa rendible hai que atraer un volume de xogadores moi elevado, o que claramente non conseguiu este título de Zynga (compañía detrás de éxitos como FarmVille).

Tráiler do xogo