Star Wars: The Old Republic perde 400.000 subscritores

luns, 7 de maio do 2012 Marcus Fernández

O xogo Star Wars: The Old Republic chegou ao mercado como o primeiro grande título con posibilidades de facer fronte ao World of Warcraft, en boa medida por vir apoiado por unha grande franquía, pero finalmente o título de Electronic Arts parece estar a perder pulo, e a súa editora recoñeceu ao presentar as súas contas trimestrais que o xogo pasou de 1,7 a 1,3 millóns de subscritores, aínda que dende EA estiman que tal caída de usuarios corresponde “a xogadores de proba e ocasionais”, ou sexa, que realmente non estariamos ante unha desfeita, senón a un simple axuste que amosaría os datos de uso reais deste xogo que aínda ten moito que demostrar para gañarse ao público a longo prazo como conseguiu facer o título en liña de Blizzard.

EA considera que a caída de xogadores de Star Wars: The Old Republic corresponden a xogadores ocasionais e de proba

Outros resultados de EA a destacar serían que as vendas dixitais medraron un 42%, contribuíndo de xeito considerable a que a compañía abandonase as perdas do ano pasado e conseguise uns resultados positivos, cuns ingresos totais para o ano fiscal de 4,140 millóns de dólares (fronte aos 3.590 millóns de dólares do ano anterior).
Mentres xogos como Mass Effect 3, SSX ou Kingdoms of Amalur conseguiron uns fortes resultados en soporte físico, podemos subliñar que FIFA 12 conseguiu o seu mellor ano da historia, sumando 108 millóns de dólares en descargas e micro transaccións, o que contribúe a destacar a forza do xogo en liña, que no caso de Battlefield 3 conseguiu congregar a 6,3 millóns de xogadores activos no mes de marzo.
A compañía tamén desvelou que investirán 80 millóns de dólares durante o ano que vén para desenvolver xogos para a vindeira xeración de consolas.

PUBLICIDADE