Star Wars: The Old Republic xa é Free-to-Play

venres, 16 de novembro do 2012 Marcus Fernández

Os xogos masivos en liña de subscrición están en constante crise ao non ser capaces de manterse a longo prazo coa honrosa excepción de World of Warcraft, e o prometedor Star Wars: The Old Republic, que chegou con moitas bazas de poder captar a un público fiel, tivo que dar o brazo a torcer, e dende as últimas horas prescinde dos pagamentos mensuais para converterse nun xogo Free-to-Play, para así poder amasar unha boa base de usuarios, incrementando a posibilidade de acadar ingresos mediante micropagamentos.
O xogo desenvolvido por BioWare pode agora xogarse de balde de xeito completo, estando dispoñibles libremente as súas 8 clases ata o nivel 50, aínda que esta fórmula compleméntase con distintas ofertas de pagamento que principalmente están baseadas nunha moeda virtual (Cartel Coins) que permite mercar accesorios, potenciadores e incluso meros elementos decorativos para personalizar os nosos personaxes. Tamén é posible adquirir un estado preferente que inclúe a habilidade de correr máis rápido, ter maior prioridade para entrar no xogo e outras vantaxes.
Os usuarios que ata o momento pagasen polo xogo e teñan subscricións en vigor recibirán Cartel Coins proporcionais ao seu compromiso do xogo en concepto de compensación.


Vídeo sobre o novo modo Free-to-Play

PUBLICIDADE