Star Wars contará cun novo xogo para consolas portátiles

martes, 26 de maio do 2009 Marcus Fernández

O vindeiro outono a saga de Star Wars Battlefront achegará un novo título, desta volta para as consolas portátiles, de xeito que os usuarios da PSP e da Nintendo DS poderán gozar de Elite Squadron, cun nivel de interacción e diversión sen precedentes neste tipo de consolas.

Imaxe da versión para Nintendo DS do xogo

Esta nova entrega será a primeira que permitirá que os xogadores combatan en frontes de batalla de múltiples niveis, tanto en terra coma no espazo. Así poderase iniciar un combate a pé, conducir un vehículo terrestre ou pilotar un caza e aterrar nunha nave maior na que continuar a loita no seu interior. As accións do usuario tamén afectarán ás batallas libradas en distintas frontes, de xeito que a derrota dos inimigos poden afectar ao desenlace doutras batallas.
Star Wars Battlefront: Elite Squadron permítenos meternos na pel de X2, un soldado clon dun mestre jedi, que arrepentido por seguir ao Imperio xuntouse á Rebelión e que rematará enfrontándose ao seu irmán, X1.
No xogo non faltarán personaxes clásicos aparecidos nas películas da saga e en xogos anteriores, polo que será toda unha delicia para os afeccionados a este universo fantástico creado por George Lucas.

O xogo incorpora a personaxes coñecidos da saga

PUBLICIDADE