Star Wars e Tomb Raider destacan entre os Xogos con Gold de maio

venres, 21 de abril do 2017 Marcus Fernández

Grandes novas para os subscritores Gold de Xbox LIVE, xa que Microsoft vén de anunciar a listaxe de xogos que recibirán durante o mes de maio e son títulos bastante interesantes, nos que fan acto de presenza franquías actualmente moi vivas como son as de Star Wars e Tomb Raider.
O primeiro xogo que recibirán os usuarios de Xbox One é bastante modesto, Giana Sisters: Twisted Dreams, creación de Black Forest Games que conta con 33 niveis de plataformas que superar, destacando polos seus coidados gráficos, pero sen do un grande descoñecido; pero este xogo quedará eclipsado a partires do 16 de maio por Lara Croft and the Temple of Osiris, unha das aventuras baseadas en Tomb Raider, pero con mecánicas de xogo diferentes, perspectiva isométrica e modos de xogo con até 4 xogadores cooperando en local ou en liña.
Pero o prato forte chegará cos xogos de Xbox 360 (retrocompatibles con Xbox One), xa que ambos pertencen á franquía de Star Wars, e serán, na primeira metade do mes Star Wars: El Poder de la Fuerza 2, e na segunda metade do mes, LEGO Star Wars: The Complete Saga. O primeiro xogo vén a ser unha aventura situada entre as dúas primeiras triloxías cinematográficas de Star Wars (continuando a historia do aprendiz segredo de Darth Vader) e o segundo trátase dun repaso das mencionadas triloxías pero con figuras de LEGO como protagonistas.
Complétase así un mes moi especial para os seareiros de franquías que nos vindeiros meses estarán presentes en pantalla grande con novas aventuras, polo que mantelas frescas na consola pode axudar á manter a expectación sobre estas grandes producións.

Vídeo de presentación dos Xogos con Gold do mes de maio

PUBLICIDADE