Stardew Valley chega a iOS

mércores, 24 de outubro do 2018 Marcus Fernández

O xogo independente Stardew Valley leva colleitando éxitos dende o seu lanzamento para PC hai un par de anos, e tras adaptarse tamén a consolas de videoxogos, chega finalmente a iOS a un prezo de 8,99 euros, de xeito que os usuarios de iPhone e iPad por fin poden gozar deste curioso xogo de rol de agricultura.
Este título convídanos a mudarnos ao campo, converter os campos desleixados nunha granxa alegre e abundante, criar animais, personalizar ao granxeiro e a súa casa, contraer matrimonio para formar unha familia, partiicpar en festivas de tempada, explorar covas, buscar cultivos ou incluso pasar unha tarde de pesca; ou sexa, que temos un xogo cunha cantidade inmensa de contidos que dificilmente aburrirá aos amantes deste xénero, e que chega con textos localizados completamente ao español.
Os responsables do xogo esforzáronse para que a versión móbil non fose unha adaptación reducida do xogo, senón que ofrecese unha experiencia completa, e incluso permitirá importar os datos gardados na versión para PC.
A versión para Android está actualmente en desenvolvemento (por parte de The Secret Police, responsables da versión para iOS), polo que en breve anunciarán a súa data de lanzamento.

PUBLICIDADE