Starlink ofrecerá telefonía móbil globalmente

venres, 13 de outubro do 2023 Marcus Fernández

Varias son as compañías (como Vodafone) que están a apostar polas satélites de baixa altura para ofrecer servizos de telefonía móbil como un xeito de suplir os problemas de cobertura en zonas afastadas, e a última en mover ficha é Starlink, que vén de lanzar unha sección na súa páxina web destinada a informar sobre o servizo Direct to Cell, ou sexa, directa ao móbil, xa que promete servizos de texto, voz e datos a móbiles 4G en todo o mundo, ou sexa, que facilitará unha cobertura global dende móbiles ordinarios (sen precisar dun aparatoso e caro teléfono satelital).
O servizo Direct to Cell de Starlink botará a andar en 2024, limitándose inicialmente a mensaxes de texto, mentres que en 2025 o servizo iría moito máis aló, ofrecendo non só voz e datos, senón tamén a posibilidade de servir de infraestrutura para dispositivos da Internet das Cousas que funcionen con estándares 4G (LTE).
Este novo servizo de Starlink xa conta cunha serie de socios en terra, que serían as operadoras T-Mobile (EE.UU.), Robers (Canadá), KDDI (Xapón), Optus (Australia), One NZ (Nova Zelandia) e Salt (Suíza).
Haberá que ver cal son as condicións deste servizo e do resto que están a emerxer, pero dá a impresión de que a tecnoloxía de chamadas de emerxencia por satélite que promoven compañías como Apple vai quedar rapidamente obsoleta, xa que nos mesmos sitios onde operaría tamén estarían dispoñibles as comunicacións móbiles ordinarias.

PUBLICIDADE