Starlink sométese ao Tribunal Supremo do Brasil e bloquea o acceso a X

martes, 3 de setembro do 2024 Marcus Fernández

Tras confirmarse por parte do Tribunal Supremo a orde de bloqueo de X en todo o territorio do Brasil, quedaba un operador de telecomunicacións sen acatar a orde, Starlink, que desobedecía as esixencias xudiciais por indicación de Elon Musk, pero que finalmente decidiu claudicar, de xeito que bloquearán o acceso a X aos seus preto de 250.000 usuarios no territorio brasileiro para poder operar legalmente e así poder continuar co recurso que permitirá o desbloqueo das súas contas bancarias, conxeladas por considerar o maxistrado Alexandre de Moraes que Starlink pertence ao mesmo grupo de empresas que X.
Con esta medida de Starlink podería confirmarse que a compañía de conexións á Rede mediante satélite de baixa altura ten independencia da plataforma social de Musk, polo que parece bastante probable que en breve poida volver á normalidade.
Aínda que a través de X a comunicación de Starlink continúe a realizar no ton dos ataques de Elon Musk á Xustiza do Brasil, estamos ante o que parece un discurso de cara á galería, xa que no mesmo texto dende Starlink aseguran que van cumprir coas ordes xudiciais de bloqueo de X.