Steam anuncia unha distribución de Linux optimizada para xogar

luns, 23 de setembro do 2013 Marcus Fernández

A plataforma en liña de xogos para PC de Valve, Steam, leva un tempo ampliándose, de xeito que o que nun principio era unha simple tenda en liña de xogos para Windows rematou chegando a OS X e a Linux, e avanzando nesta dirección quere agora conquistar o televisor e o salón, para o que optan por desenvolver un sistema operativo de seu, SteamOS, que vén a ser unha versión de Linux optimizada para o uso como como se dunha consola de videoxogos se tratase, achegando unha boa experiencia de xogo á grande pantalla.
Dende Valve pretenden que a xente conecte un ordenador ao televisor do seu salón para xogar (e rumoréase que incluso van presentar en breve un pequeno equipo deseñado para tal fin, que respondería ao nome de SteamBox) pero non limitarase a servir para xogar aos títulos de Steam compatibles con Linux (aínda poucos) senón que SteamOS tamén permitirá recibir por streaming dende outro ordenador do noso domicilio a imaxe e o son dos xogos para Windows e OS X. Este sistema tamén pretende servir de solución para escoitar música e ver películas e series de televisión; facilitará o uso dos xogos mercados entre varios membros dunha mesma familia e tamén incrementa as opcións de control para compartir as bibliotecas de xogos no ámbito familiar.
Entre os grandes atractivos desta nova plataforma está o feito de que Steam conta cun catálogo de preto de 3.000 xogos e recibirá en breve moitos dos grandes títulos para consolas de nova xeración (que tamén presentarán uns gráficos de impresión en ordenadores compatibles); Steam ten máis de 50 millóns de usuarios que forman unha grande comunidade; as partidas poden gravarse na nube (Steam Cloud); facilita o acceso a contidos creados polos usuarios en numerosos xogos (opción para moitos preferible que os contidos descargables mediante pagamento); a súa dispoñibilidade internacional (Steam está presente en 185 países e o seu software traduciuse a 25 idiomas) e trátase dunha plataforma en constante evolución.
En poucos días teremos máis detalles deste novo sistema operativo libre e de balde, optimizado para o lecer electrónico interactivo.